domingo, 30 de septiembre de 2018

Sentindo o cine

Este curso o proxecto documental que traballaremos dende a biblioteca escolar levará por título "Con Dino, ímolo pasar de cine".
No noso ciclo a través do visionado de películas de distintos xéneros ao longo da historia, investigaremos as etapas e os xéneros máis importantes da historia do cine.
Coñeceremos aos actores e actrices, así como, aos directores e directoras máis representativos da historia do cine.
Analizaremos aspectos técnicos como a rodaxe, a montaxe, a produción e aspectos estéticos como a música, os decorados, o vestiario,os efectos especiais...
Seremos actores e actrices, directores, músicos, perruqueiros, cámaras, maquilladores, guionistas.... 
Como dí o título do proxecto do noso ciclo: "Sentiremos o cine".

domingo, 1 de abril de 2018

Ciencia e movemento

Esta visita que tivo lugar no 2º trimestre. Foi unha experiencia que como aínda está  moi presente en todos nós queremos compartila dende aquí. Así a lembramos: Onte chegou Ciencia e Movemento. Fomos a terceira hora á aula de música.



Alí había un montón de sorprendentes obxectos científicos: motores, máquinas, insectos, minerais, representacións curiosas da Terra, medias de nylon, diversos paneis que tiñan que ver coa enerxía, a conservación do medio ambiente, coa reciclaxe... Uns señores científicos que se presentaron como Suso e Adán, guiáronnos no percorrido por este museo tan orixinal, conseguindo a nosa total atención. 
"Mostráronnos uns motores moi raros, os motores Stirling, que van ser os motores do futuro aínda que se se coñecen dende o século XIX" 
"Foi un obradoiro do que gocei moito. Descubrir aqueles motores que dan enerxía e non contaminan, que se poden colocar en calquera sitio para que funcionen." 
"Foi unha marabilla!" 

"Funcionan usando recursos do planeta, sen facerlles nada. É unha boísima opción para o futuro. Non contaminan, non consumen e funcionan en calquera sitio."



Na sección de bichos estivemos vendo insectos disecados. "Sorprendeume o escorpión, o insecto pau, o fósil, o cabaliño de mar... " Explicáronnos que había uns insectos que para aparearse, bailaban. Son quen de pasarse horas bailando ata que a femia convence ao macho. 
Aprendemos o que era a obsolescencia programada que consiste en que os fabricantes de máquinas programan a súa creación para que cando se acabe a garantía, o obxecto se estrague e así tes que mercar outro. E queremos investigar máis sobre as proporcións aureas que espertaron a nosa curiosidade polo noso descoñecemento do término.  

lunes, 5 de marzo de 2018

Visita a SOGAMA

O venres pasado, día 23 de febreiro, visitamos Sogama. As súas instalacións están no concello de Cerceda, na comarca de Ordes. Provincia de A Coruña.
Á nosa chegada fomos recibidos polos guías que non acompañarían durante a nosa visita ao complexo medioambiental.  
No primeiro edificio que entramos, ante a maqueta da planta do complexo, puidemos familiarizarnos con todos os edificios que a componen e ir aprendendo a función de cada un deles. 
A continuación, no salón de actos participamos nunha dinámica para aprender a separar los residuos.
Consistía en meter unhas fotos que representaban botellas, cartón, papel, vidro, carozos de mazá, mondas de plátano… no colector correspondente.
Finalmente preparámonos para a nosa visita á Planta. Puxémonos unha mascarilla, unha redecilla para o pelo, un casco e un chaleco. 



Foi moi divertido!

Cando entramos na planta de elaboración de combustible derivado de residuos vimos descargar un colector de lixo xenérico que non se pode reciclar. 
Chamounos moita atención a pinza xigante  que collía o lixo do foso e o botaba nunha tobeira. 
Explicáronnos que a parte grosa do lixo tritúrase e a parte máis fina transpórtase a unha planta de secado. Logo, a parte fina, xa seca, e a parte grosa mestúranse e obtense con elas un combustible que se chama CDR (Combustible Derivado de Residuos)
A visita foi olorosa pero divertida. 
O que máis nos impresionou da visita foi o gancho que collía o lixo. Puxémoslle o nome de “Polbo xigante”.
Finalizamos a nosa excursión en Santiago.
Comemos na carballeira de Santa Susana e para celebrar o Día de Rosalía, 24 de febreiro, achegámonos a estatua da nosa poeta que está na alameda e recitamos xuntos os seus versos.  

miércoles, 7 de febrero de 2018

Desexos de Paz

Desexo que se derriben os muros entre as persoas.
Desexo que non haxa pobreza no mundo.
Que non haxa racismo. 
Desexo igualdade entre os homes e as mulleres 
Desexo que non haxa maltrato animal. 
Que non se inicie a 3ª guerra mundial. 
Non as pelexas entre as persoas. 
Que non haxa violencia de xénero.
 Desexo que haxa menos contaminación no planeta. 
Que non haxa violencia no mundo.